Carisma lasaliano

A fraternidade e a comunidade fan La Salle

Carisma lasaliano

Como todo carisma fundacional, o carisma lasaliano remítese ao propio Espírito Santo. É un don que o Espírito concedeu á Igrexa na persoa de Xoán Bautista de La Salle para servir á misión de educar os nenos e a mocidade, especialmente os pobres.

Ese don é o que deu vida ao relato lasaliano e o converte na historia dunha comuñón para a misión ou, máis exactamente, dunha fraternidade para a educación dos pobres. A trama do relato, a fantasía que o fai interesante e o empuxa a continuar, vénlle dese núcleo carismático que axiña se expresou nestes termos: “xuntos e por asociación, para o servizo educativo dos pobres”. A primeira comunidade lasaliana, guiada polo seu fundador, intuíu que ese era tamén o núcleo central da súa vida consagrada, e así o expresou na fórmula da súa profesión relixiosa.

Apenas comezado, aquel grupo de “mestres” tomou o nome de “irmáns”, para dicirse a sí mesmos e dar a entender aos de fóra que o que eles pretendían non era sinxelamente “ensinar”, senón educar como irmáns desde un estilo de fraternidade.

Esa fraternidade vai acompañada por unha aguda sensibilidade ante as necesidades educativas dos pobres, especialmente entre os nenos e a mocidade, e por un sentimento apremante de responsabilidade de querer darlles solución coas mellores respostas posibles. A comunidade lasaliana busca converter cada obra ou proxecto de educación nun proxecto de evanxelización, onde a persoa é o centro do proceso e onde Xesús e o seu Evanxeo é o horizonte que o orienta. Cunha pedagoxía que intenta mover os corazóns, e unha dimensión personalizadora cuxo paradigma é a imaxe do Bo Pastor.

O hábitat propio deste carisma é a comunidade. Unha comunidade ministerial: feita para a misión, que vive no interior da misión e se deixa configurar pola misión. Non se trata dunha sinxela estrutura formal, senón dun dinamismo que crea lazos entre as persoas e as fai solidarias. A comunidade é a terra firme na que os nosos pés adquiren seguridade para marchar á misión; é a terra fértil onde a educación poderá frutificar; e é a terra prometida, como estilo de vida cara ao cal se conduce ao alumnado.

Os ollos e a mirada son en calquera persoa un trazo identificador dos máis infalibles. Do que está posuído polo carisma lasaliano dise que mira máis aló, cos ollos da fe. A súa mirada contempla, alternativamente, o Deus que salva os nenos e a mocidade que necesitan ser salvados. Así se desenvolve unha espiritualidade da mediación. O espírito de fe condúcenos a descubrir a nosa historia e a experiencia diaria como historia de salvación, na que colaboramos con Deus para levar a salvación “aos fillos dos artesáns e dos pobres” (La Salle). Esta é a Obra de Deus para a cal El nos consagrou, fíxonos os seus ministros.

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.